-Alfombras---- Voto de Chanteiro---- Semana Santa-----Carnaval-----Carmen Redes-----Outras
   

Ao longo de toda a Idade Media se sucedían por toda Europa, de xeito sistemático, as epidemias. Unha das pestes afectará á bisbarra ferrolana no ano 1404. Morrerán unha gran cantidade de personas. Semexante traxedia só podería ser vencida por intercesión divina. A Virxe de Chanteiro era de gran devoción entre os pobos mariñeiros da zona. Esta ermida era a que vían os pescadores tanto ao entrar coma ao saír da ría e saudábana cos remos en alto.
A esta Virxe acudiron os representantes dos pobos da bisbarra para implorar a desaparición da epidemia. Isto sucedía nos días inmediatos á Pascua de Pentecostes. A epidemia remitiu e as xentes da zona decidiron realizar unha ofrenda(voto) de agradecemento á Virxe. Esta ofrenda consistía en seis libras de cera para iluminar a capilla (este era o peso que resultou de medir o exterior da ermida con mazos de vela). Así mesmo, cada vez que se renovase o Voto, anualmente, ofreceríanlle á Virxe unha flor para ser colocada nas súas mans: a flor de Chanteiro. Co tempo a flor de Chanteiro transformaríase nunha barroca canastra ornamentada de flores. O Voto era ofrecido por Ferrol, A Graña, Ares e Mugardos. Unha vez efectuada a ofrenda relixiosa comezaba a festa profana e a romaxe propiamente dita. Co tempo a celebración profana foi tendo cada vez máis fama. Xuntábanse xentes de diversos lugares e sucedíanse os escándalos e pelexas. Ferrol pediu a conmutación do Voto en 1839. A Graña deixou de exercer ese dereito "dende que un ano se embriagaron, caeron ao mar e houbo afogados e con eles caeu a imaxe de San Roque que traían en procesión". Isto sucedía na segunda metade do século XIX. Ares abandonou esta ofrenda despois da Desamortización e foi recuperada en 1954. En canto a Mugardos, as autoridades deixaron de celebralo durante a II República, recuperándose despois da Guerra Civil. Os que nunca deixaron de asistir a Chanteiro o martes de Pentecostes foron as xentes das diversas aldeas da bisbarra, que continuaron coa devoción a Virxe milagrosa, nunha tradición que xa cumpriu máis de 600 anos. Na actualidade o día do Voto de Chanteiro é festa local en Ares e Mugardos.

Fonte: Juan A. Carneiro Rey

     
 
web do concello de Ares